FAKE NEWS... OU NON...
A estas alturas todas e todos nós temos escoitado falar das fake news e temos oído e lido moitas cuxo tema eran as vacinas.
Para loitar contra a desinformación e para animar a cidadanía a que se blinde ante as fake news que poidan chegar aos seus dispositivos, a Policía Nacional elaborou unha guía con cinco sinxelas pautas:
- Coñece a fonte da noticia: "googlear" as mensaxes pode darnos unha rápida resposta sobre a fiabilidade do seu contido. Pode tratarse de noticias antigas, feitos que se esaxeraron ou pseudonoticias. Os perfís ou contas anónimas ás veces son un indicio que nos debe facer desconfiar. En ocasións tamén pode tratarse de robots; observando a súa actividade e os seus seguidores poderás recoñecelos.
- Contrasta a noticia: acudir a outros medios nos que confíes ou a fontes oficiais é a forma máis rápida de conseguir unha segunda opinión. Os enlaces a outras webs ou fontes oficiais incluídos na noticia que xustifiquen a información reforzan a súa veracidade.
- Ás veces unha imaxe non vale máis que mil palabras: sobre todo cando se trata de pantallazos ou imaxes que se usan descontextualizadas ou incluso manipuladas. Os programas de retoque fotográfico e edición de imaxes son unha ferramenta á que acoden con frecuencia os creadores de fake news pola aparencia de realidade que poden conseguir.
- Identifica os patrocinios: lembra que, aínda que a información non poida considerarse falsa estritamente, saber quen é o emisor da mensaxe ou patrocinador pode axudarte a averiguar se se trata dunha opinión ou de auténtica información obxectiva, poderás contextualizalo e favorecer o pensamento crítico.
- Ante a dúbida da súa veracidade, abstente de compartilo. Non te convtas nun peón dos creadores de fake news e evita que te utilicen para difundir a súa falsa mensaxe. Por moi alarmante que pareza a noticia, antes tómate uns segundos para pensar en se o seu reenvío aos teus contactos está xustificado. Que o sentido común sexa tambén o máis común dos sentidos! (Tradución de: Interior.gob.es)
Para que saibades máis sobre o que son e como localizalas deixámosvos tamén estas recomendacións da IFLA:
Propoñémosvos a seguinte actividade:
Cada un/ha de vós debe buscar e verificar, seguindo as regras anteriores, unha nova relacionada coas vacinas. Se non estivese en galego traducide o seu titular.
Por outra banda, deberedes crear un titular falso, mais verosímil.
Por último, leremos todos os titulares na clase e intentaremos discernir cales corresponden a novas reais e cales a fake news seguindo os pasos da infografía.